Bio

I Colori Dell’ Armonia, grupo especializado na interpretación historicamente informada de música dos séculos XVII e XVIII, xurde no ano 2010 na cidade do Porto dentro do ámbito académico da ESMAE. Procedentes todos dun mesmo lugar xeográfico, parecía lóxico que unisen os seus esforzos para difundir a música antiga a máis e, sobre todo, achegala a novos públicos en Galiza.

Formado por Andoni Conde e Mariña García-Bouso (violíns) e Débora Valuja (cravo), a súa constitución adáptase aos diferentes programas a interpretar. Deste xeito, contan entre as súas colaboracións máis habituais con baixos melódicos (viola da gamba, violoncello), instrumentos de corda pulsada (tiorba, guitarra) e voz (contratenor, soprano, tenor). Desde ese ano 2010, o grupo vén dando concertos en diferentes puntos das penínsulas Ibérica e Itálica.

 

marincc83a

Mariña García-Bouso Fernández

Comeza a estudar violín aos sete anos en Ribadeo. Frecuenta os conservatorios de Lugo e Oviedo. En 2005 trasládase a Viana do Castelo (Portugal) e cursa na Escola Profissional de Música de dita cidade co profesor cubano Armando González. En 2012 especialízase en música antiga realizando a licenciatura e o máster en 2016 na ESMAE (Porto) con Amandine Beyer e Benjamin Chenier. En 2015 reside seis meses en Lyon (Francia), recibindo clases da profesora Odile Eduard.

Participou en masterclasses con Enrico Onofri, Olivia Centurioni, Nick Robinson, Enrico Gatti, Anton Steck, Alessandro Cicclolini, Peter Spissky, Pedro Gandía, Manfredo Kraemer e François Fernandez, entre outros. Participou no 37º Festival de Póvoa de Varzim co grupo Gli Incogniti dirixido por Amandine Beyer. Colaborou coa Orquesta Barroca da Universidade de Salamanca. Actualmente colabora coa Orquesta Barroca OBVigo430, Concerto Ibérico (Castelo Branco) e Divino Sospiro (Lisboa). En 2010 funda o grupo I Colori dell’Armonia. Impartiu masterclasses de violín barroco en varias cidades de Portugal.

 

15304349_833686653401608_3715082353763267338_o copia

Josepe Andoni Conde Villar

Comeza os seus estudos musicáis na cidade de Vigo co mestre Manuel Martínez Álvarez-Nava. Xa antes de rematar os estudos de violín moderno, a música antiga e o violín barroco chaman poderosamente a súa atención comezando a asistir aos cursos da Academia de Música Antigua de la Universidad de Salamanca, onde recibe clases de: Ángel Sampedro, Sigiswald Kuijken, Mira Glodeanu, Win Ten Have, Enrico Onofri, Enrico Gatti e Pedro Gandía, entre outros. Desde 1997 até 2002 é membro tamén da Orquesta Barroca de la Universidad de Salamanca (OBUS). Segue a frecuentar cursos, recibindo clases de Marianne Muller, Françoise Lengellé, François Fernandez, Isabel Serrano, Olivia Centurioni, Rosella Croce, Manfredo Kraemer, etc…

Cursou o Máster en Interpretación Histórica na ESMAE (Porto) coa violinista Amandine Beyer. Colaborou coa Orquestra Barroca OBVigo430, Gli Incogniti, Ars Combinatoria e Capela Compostelana. É membro do grupo I Colori dell’Armonia co cal compaxina a súa actividade como docente.

 

fotoweb

Débora Valuja González

Natural de Ourense, entre 2009 e 2013 realiza o Curso Superior de Música Antiga da ESMAE coa profesora portuguesa Ana Mafalda Castro. Entre 2013 e 2016 cursa o Máster en Interpretación Artística na especialidade de cravo na mesma escola.

Realiza masterclasses con Siete Henstra, Anna Fontana, Guido Morini, Giovanni Togni, Lars Ulrik Mortensen, Amandine Beyer, Marco Ceccato e Dirk Börner entre outros. Participa en proxectos da Orquestra de Música Antiga da ESMAE como continuísta: “Acis & Galatea” de G.F. Haendel, “The Fairy Queen” e “Dido & Eneas” de H. Purcell…

Desde 2010 é membro do grupo I Colori dell’Armonia e desde 2013 do grupo Camerata Più Bassa.